miércoles, 27 de marzo de 2013

ETAPAS DO PROCESO DE BUSCA DE EMPREGO

Bos días!!!

Hoxe publico unha entrada na cal se recollen as fases do proceso de busca de emprego. Sabemos que este proceso require tempo, dedicación e esforzo. Entón... podemos dicir que unha persoa que busca traballo está parada, sen facer ningunha actividade? Non! Unha persoa que busca activamente emprego está facendo un traballo que é duro e constante co fin de conseguir un posto remunerado.


Pero...como organizamos o noso proceso de busca de emprego? Para empezar debemos planificar e estruturar as actividades que imos realizar. Para isto podemos elaborar un cronograma no cal vaiamos especificando as tarefas que temos que desenvolver día a día; desta maneira crearíamos unha rutina constante.


Podemos estruturar o proceso en diferentes fases; un exemplo delas son as que se establecen no cadro seguinte.



Fases
Descrición
1.º Definición do obxectivo profesional.
Para a súa definición debemos autocoñecernos e analizar os nosos puntos fortes e débiles, aínda que temos que pensar que todo se pode conseguir e mellorar. A través desta información e do posto de traballo que desexamos conseguir definimos o noso obxectivo profesional.
2.º Elaboración do curriculum vitae e memoria profesional.
Creamos un documento onde agrupar toda a nosa información profesional e capacidades persoais (formación, experiencia, competencias persoais,...). Este documento vai ser o referente para, logo, adaptalo a cada oferta ou entidade de traballo; tanto pode ser un curriculum vitae como a memoria profesional.
3.º Informarnos dos servizos que nos poden axudar no proceso e inscribirnos no Servizo Público de Emprego.
É recomendable que esteamos informadas/os dos recursos que existen na nosa contorna e que nos poidan axudar no proceso; un deles é o Servizo Público de Emprego no cal nos temos que inscribir como demandantes de emprego para que nos avisen se xorde algunha oferta.
4.º Busca de ofertas de emprego.
A busca pódese realizar a través de portais de emprego, xornais, boletíns,... Seleccionamos as que consideremos importantes e interesantes, informándonos das características das entidades.
5.º Adaptación do CV, realización de cartas de presentación e envío dos mesmos.
Unha vez seleccionadas ás ofertas, debemos adaptar o CV a estas; ademais, é recomendable a elaboración de cartas de presentación para achegalas xunto co curriculum. Procederase ó seu envío a través da canle que se especifica na oferta de emprego. Pero, se por casualidade é dunha empresa que nos queda cerca, é interesante que nos acheguemos ata ela para entregarlle o CV persoalmente.
6.º Autocandidatura.
Nos tempos que corren é difícil atopar ofertas de emprego; por iso outra opción é optar pola autocandidatura para que as empresas nos coñezan. Esta conleva diferentes pasos a desenvolver:
  1. Busca de entidades que son do noso interese e informarnos do seu servizo.
  2. Adaptar o CV ás diferentes entidades para o seu envío.
  3. Elaborar cartas de presentación para explicar a nosa autocandidatura e o que podemos ofrecer.
  4. Envío dos documentos.
Lembra! Debemos ter rexistradas todas as entidades á cal enviamos o CV, sinalando se foi por autocandidatura ou oferta, a data, os servizos que ofrecen, se contestaron e se nos citaron para unha entrevista.


Durante as fases podemos realizar o noso CV online, participar en foros, blogs,...e entrar en redes sociais profesionais xa que tamén son unha vía para informarnos sobre oportunidades de emprego. Ademais, como analizamos as nosas fortalezas e debilidades é aconsellable mellorar os punto débiles acudindo a cursos, obradoiros,... Ollo! Témonos que acordar de actualizar o CV cada vez que asistamos a algún destes.


A procura de emprego nun momento coma este no que o traballo escasea, pode producirnos gran desgaste e afectarnos emocionalmente, o que pode chegar a afectar a nosa saúde e as nosas relacións cos demais. Algo tan sinxelo como establecer un horario e levar unha axenda ou rexistro dos contactos realizados, faranos manter certa sensación do control do proceso de búsqueda, o que pode axudarnos a non obsesionarnos. Recorda que é moi importante disfrutar do noso tempo de lecer e manter o optimismo.



*Tanto esta publicación como as seguintes, que estean relacionadas coa orientación laboral, tamén son publicadas no boletín mensual que o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia elabora. O enlace para botarlle unha ollada ós boletíns é o seguinte: http://ceesg.org/publicacions/boletin
 


Un saúdo!


María P. Sande




lunes, 18 de marzo de 2013

TÉCNICA DE ESTUDO: MÉTODO PULSERA



Esta nova entrada está relacionada coas técnicas de estudo, xa que estes días chegáronme ó correo-e dúbidas sobre este tema e unha gran amiga e compañeira de profesión tamén anda a voltas con esta temática.

Revisando os  apuntes de psicopedagoxía e buscando pola rede atopei unha técnica bastante interesante para mellorar o estudo:  O Método PULSERA.

Este método componse de:

1.      Prelectura Urxente
Nun primeiro momento debemos ler o texto para coñecer a súa temática, ademais de visualizar os apoios que o acompaña (debuxos, esquemas,…).

2.      Lectura detida
O obxectivo desta segunda lectura é máis concreto; con ela temos que obter información clara e precisa do tema. Esta lectura ten que se atenta e comprensiva, pois hai que entender o contido do texto para realizar un resumo coas propias palabras.
Para mellorar a comprensión lectora a facilitar o desenvolvemento deste punto, podemos empregar a técnica Ogle (Táboas KWL). Despois da prelectura urxente, debemos cubrir a seguinte táboa:
Knowledge (que sei de…). Debemos escribir o que sei do tema, non abonda con pensalo!
Want (que quero saber de…). Debemos escribir o que queremos saber do tema.
L
E
C
T
U
R
A
Learned (que aprendín de…). Despois da lectura, debemos escribir a información nova que aprendemos.
Así mesmo, a través desta táboa activamos os coñecementos previos que teñamos do tema que queremos estudar.

3.      Subliñado
É preciso subliñar as palabras e/ou ideas clave do texto. En todos os textos hai contido que non é demasiado relevante; por iso debemos discriminar as ideas principais das secundarias e subliñar as máis relevantes para a comprensión profunda do texto.

4.      Esquema
O esquema é unha técnica moi persoal; o que se pretende con ela é realizar unha síntese do texto lido. Despois de diferenciar as ideas principais das secundarias, debemos organizalas e estruturalas de maneira esquemática para comprender o tema.

5.      Resumo
Despois de realizar o esquema temos que elaborar un resumo do texto; pero, ollo! Non vale con parafrasear o texto, senón que debemos realizar o resumo coas nosas propias palabras. Deste modo, darémonos conta se o texto foi comprendido ou non.

6.      Autocontrol
Despois de realizar os pasos anteriores, débense interiorizar os datos e ideas principais do tema. Este último paso non será complicado se fomos traballando os puntos anteriores con atención e concentración.

Ademais desta técnica hai que ter en conta a contorna onde estudamos; é dicir, se estudamos no escritorio debemos telo ben ordenado, sen ningún aspecto que nos poida distraer (televisión, mp3, videoxogos,…), en silencio, con boa iluminación e temperatura adecuada,…
Así mesmo, é recomendable planificar o noso tempo; non é adecuado permanecer toda a tarde diante dos libros, senón que é aconsellable que cada día se estude e así ter tempo libre. Tamén é preciso que, despois de cada hora de estudo, realicemos un descanso de 5-10 minutos.

Espero que esta técnica vos sirva de axuda para poder mellorar o voso estudo. 

Un saúdo!

María P. Sande

martes, 12 de marzo de 2013

ERROS MÁIS FRECUENTES NA BUSCA DE EMPREGO


No momento actual de crise que estamos a pasar no noso país é recomendable que o proceso de busca de emprego sexa o máis efectivo posible; para isto, é importante intentar non cometer demasiados fallos. 

Para comezar a miña andaina por estes lares publicarei, de maneira xeral, os erros que cometemos con máis frencuencia cando estamos buscando traballo.
  • Non ter un obxectivo profesional.
Antes de comezar co envío de curriculums vitae, debemos definir cal é o noso obxectivo a conseguir (que posto ou postos laborais desexamos desempeñar). Neste senso, aínda que consigamos un traballo que non se relacione coa nosa profesión, é aconsellable que non nos acomodemos e sigamos loitando para alcanzar a noso obxectivo profesional.
  • Non planificar o proceso de busca de emprego.
É importante que coñezamos o quefacer da empresa e/ou entidade á que lle enviamos o noso curriculum vitae. Para isto, é aconsellable levar un rexistro das empresas ás que lle mandamos o noso currículo para que non nos pillen desprevidos e descoñezamos a súa labor cando se poñan en contacto con nós.
  • Limitarse a buscar por Internet.
Hoxe en día a maioría das ofertas de emprego publícanse a través da Internet; pero non nos podemos esquecer que os métodos tradicionais aínda seguen activos e se é posible, é recomendable que, ademais de enviar o curriculum vitae pola internet, se entregue de maneira presencial para que noten o interese que temos en traballar nesa empresa.
Ademais, non nos podemos olvidar que é aconsellable e interesante ampliar a nosa rede de contactos profesionais, pois coñecendo a máis xente poida que nos decatemos de máis oportunidades de emprego.
  • Descoidar a imaxe nas redes sociais.
Temos que ter coidado con todo tipo de materiais e comentarios que se publican nas actuais redes sociais; isto pode prexudicar a nosa imaxe profesional e influír nunha selección de persoal para un posto de traballo. Por isto, é aconsellable elixir e seleccionar as fotos que se colgan e se fan públicas, como os comentarios que se realizan pola internet. Con un só clic, os responsables de recursos humanos de calquera empresa ou entidade poden coñecer aspectos da nosa vida persoal que non nos favorezan. Isto non significa que teñamos que esquecernos das redes sociais, senón coidar o uso que facemos delas, xa que do mesmo xeito que nos poden prexudicar, tamén nos poden beneficiar, pois é unha forma demostrar os nosos intereses, contactar con entidades ou empresas, ampliar a nosa rede de contactos profesionais, ademais dunha posible vía para coñecer ofertas de emprego.
  • Non coidar o curriculum vitae, a carta de presentación e a entrevista.
Todas e todos sabemos que a primeira impresión que ós/ás responsables da empresa lle chega de nós é a través do noso curriculum vitae e da carta de presentación. Neste senso, debemos ter o máximo coidado en non cometer erros cando realizamos e entregamos o curriculum vitae e a carta de presentación; segundo sexa a presentación destes documentos tamén vai ser a impresión que eles e/ou elas crearán de nós. Así mesmo, cando nos convocan para unha entrevista debemos coidar o noso aspecto físico (vestimenta, hixiene,...).
  • Non coñecer os recursos existentes.
Estar desinformadas/os das axudas e bolsas que se publican poden ser perdas de oportunidade de emprego; é aconsellable estar pendente dos boletín oficiais da nosa comunidade e dos provinciais; algunhas veces convócanse axudas para as persoas que están en situación de desemprego. No Servizo Público de Emprego tamén nos informarán de servizos ou convocatorias das que poidamos beneficiarnos.
  • Actitude negativa ante a busca de emprego.
Despois de pasar moitos procesos de selección de persoal é difícil que a actitude e a motivación non vaian decaendo, sendo un factor perigoso e influínte na busca de emprego. Non podemos desanimarnos se non nos chaman para ningunha entrevista ou se cando imos non resultamos seleccionados/as, senón que temos que analizar as causas e seguir adiante coa mesma motivación e actitude.
Temos que pensar que cada entrevista de traballo é unha experiencia máis e unha oportunidade de aprendizaxe; así mesmo, é recomendable que cando rematemos unha entrevista nos autoavaliemos e identifiquemos os fallos cometidos para poder ir mellorándoos para posteriores procesos.
  • Buscar UN posto de traballo.
Aínda que consigamos un posto de traballo, é recomendable non descoidar o noso proceso de busca de emprego; os tempos foron cambiando e con el o mercado laboral e agora é moi complicado atopar un traballo para toda a vida. Non podemos ir cerrando portas unha vez que se atopa emprego, senón que, pola contra, débense ir abrindo máis por se nun futuro son necesarias.


En posteriores entradas, profundizaremos nalgúns dos aspectos enumerados nesta publicación.

Sen máis.....un saúdo! 

María P. Sande


lunes, 11 de marzo de 2013

Comezando unha nova andaina...

Ola a todas e todos!

Despois de meditar moito sobre se crear un blog ou non, ó final decidín elaborar un sobre orientación educativa e profesional, ámbito que me apasiona.

Son Maria del Carmen Pérez Sande, educadora social e psicopedagoga residente en Vedra, un concello moi fermoso situado preto de Santiago de Compostela. 

Sempre me apasionou o eido educativo e, grazas a participar en campos de traballo, descubrín a educación social. E despois seguín coa psicopedagoxía, adentrándome no mundo da orientación, tanto profesional como educativa. Non me arrepinto en seguir esta vía de aprendizaxe; apasióname cada experienca que desenvolvo relacionada coa miña profesión.

Elixín realizar un blog referente a esta temática porque considero que hoxe en día a orientación profesional é fundamental para poder sobrevivir á situación que estamos a sufrir. A través das entradas do blog intentarei dar consellos e asesorar sobre o proceso de busca de emprego e as opcións que existen para mellorar profesionalmente.

Ademais, como tamén me gusta a orientación educativa, publicarei algunhas entradas relacionadas coas dificultades na aprendizaxe que inflúen no proceso de ensinanza e aprendizaxe das nenas e nenos e outros aspectos de interese.

Espero que as miñas entradas vos sirvan para mellorar o voso proceso de busca de emprego. 

Se tendes algunha pregunta ou dúbida sobre calquera contido podédesme deixar un comentario.

Sen máis, un agarimoso saúdo!!!!!!!!!!!