lunes, 6 de mayo de 2013

ERROS FRECUENTES NO CURRICULUM VITAE

Todos e todas sabemos que a primeira impresión que lle chega á empresa sobre nós é a través do noso curriculum vitae; así pois, a presentación deste documento ten que ser inmellorable non cometendo erros á hora da súa elaboración e entrega.
Neste artigo vamos a comentar algúns dos erros máis frecuentes á hora da elaboración do CV.
  • Non adaptar o CV á oferta de emprego.
Non é recomendable enviar o mesmo CV a diferentes empresas e/ou entidades, senón que temos que adaptar o noso curriculum en función do ámbito profesional. Por exemplo, se queremos enviar o CV a unha entidade relacionada co ámbito da discapacidade e temos diversas experiencias laborais de diferentes ámbitos, poñeremos antes as que se relacionen con este eido profesional; é dicir, destacaremos a formación e/ou experiencia que máis se axuste a esa actividade.
  • Erros ortográficos.
Cando enviamos un CV é aconsellable revisar a ortografía; a nosa imaxe queda moi prexudicada se no curriculum hai algún erro ortográfico. Así mesmo, é recomendable que unha persoa da túa contorna lea o documento para ter unha segunda opinión do mesmo e detectar fallos ortográficos dos cales non nos decatamos.
  • Enumerar todos os cursos complementarios.
Este punto está moi relacionado coa adaptación do CV á oferta de traballo. Aínda que teñamos múltiples cursos que complementan a nosa formación regrada, é recomendable sinalar de maneira específica os cursos que se relacionen co ámbito da oferta de emprego; así mesmo, os demais cursos podémolos engadir de maneira máis abreviada e xenérica.
  • Incluír todos os datos persoais.
Estamos acostumadas/os a incluír todos os datos persoais no CV, pero estes poden ser factores de discriminación que lle facilita á persoa responsable a elección do candidato/a; neste senso, é aconsellable poñer só os datos necesarios (nome e apelidos, número e correo-e de contacto e localidade). Pero tamén, como en todos os apartados do currículum, témolos que adaptar ás nosas circunstancias e ós requisitos da oferta de emprego porque, por exemplo, se unha persoa rematou de estudar e non ten experiencia laboral e é xoven, debe poñer a súa data de nacemento porque xustifica o non ter experiencia laboral.
En canto á foto, non é requisito imprescindible e non debería ser relevante para a decisión da contratación ou non, pero o certo é que as persoas responsables de contratación poden consideralo importante para ver as “vibracións” que lle transmite. En caso de engadila, non vale calquera, escolle a túa mellor foto.
  • Conta de correo electrónico inapropiada.
Cando poñemos a nosa conta de correo electrónico no curriculum vitae debemos ter coidado co nome identificativo desta, pois unha conta cun nome con pouca seriedade sería prexudicial para a nosa presentación; se non temos unha conta cun nome serio é aconsellable crear unha nova e identificarse de maneira que non prexudique a nosa imaxe profesional.
  • Entregar o CV en formatos modificables, con virus ou demasiado pesados.
Á hora de enviar o noso curriculum vitae a través da internet, é recomendable transformar o documento a .pdf, posto que se vai en formato .doc, .odt e similares, pode descolocar a súa estrutura e verse desorganizado. Así mesmo, hai que coidar que o arquivo non estea contaminado de ningún virus informático e que non sexa pesado, xa que isto pode influír á hora de abrilo e incluso de que se reciba correctamente.
  • Mentir ou esaxerar.
Ó elaborar o noso curriculum vitae é importante que todo o contido sexa verdadeiro. Non debemos mentir nin esaxerar ningunha información do currículum, xa que como di o refrán “píllase antes a un mentireiro que a un coxo”. Se temos sorte e nos chaman para unha entrevista de traballo, a persoa encargada de realizala verificará se os datos do CV son reais ou non; se nalgún deles observa que se mentiu ou se esaxerou a nosa imaxe quedará afectada negativamente, e non só para ese proceso de selección senón que poida que para outros futuros (“cría fama e bótate a durmir”).
  • Usar formatos estándar e plantillas.
Poden usarse formatos estándar ou plantillas, sobre todo se non dominamos ben os programas de edición de textos. Pero o CV tamén pode ser un medio a través do cal podemos amosar certa creatividade e distinción respecto dos demais, sen caer en decoracións esaxeradas ou innecesarias, demasiados tipos de letra, múltiples cores... (ollo! máis vale pecar por defecto que por exceso).
  • CV demasiado longo.
Temos que ter coidado de que o noso curriculum vitae non ocupe máis de dúas follas; ten que ser o máis conciso e breve posible para non cansar á persoa que o teña que examinar. Ademais, elaborándoo de maneira breve as/os responsables encargados/as de revisalos detectarán a nosa capacidade de síntese. Neste senso non debemos redactar un curriculum, senón que é mellor enumerar os aspectos máis importantes da nosa vida profesional.
  • Non incluír voluntariado, colaboracións, publicacións,...
No curriculum vitae debemos incluír todas as actividades levadas a cabo relacionadas co noso quefacer profesional aínda que non teñan carácter laboral, sobre todo cando non temos experiencia ou non está relacionada co posto ao que queremos optar. Por exemplo, se somos voluntarias/os e/ou colaboramos con algunha asociación ou entidade é recomendable engadilo no CV para que os responsables do proceso de selección vexan que estamos interesados/as no noso eido profesional e estamos en permanente contacto.
  • Usar sempre un CV cronolóxico.
O formato máis frecuente para elaborar un CV é o cronolóxico ou cronolóxico inverso; pero isto deberiámolo adaptar en función da empresa ou entidade e do contido. Temos que ter en conta que tamén existe o tipo de curriculum funcional onde se lle dá máis importancia ó contido que ás datas, e que, en moitas ocasións, poida que sexa o máis axeitado. Por exemplo, se temos algo de experiencia como educadora social, pero de xeito intermitente tivemos empregos noutros sectores, pode interesarnos agrupar a experiencia como educadora, dándolle relevancia, e o demais agrupalo como “outra experiencia”.

Espero que estes consellos vos sirvan de axuda!!!!
Saúdos!
María P. Sande