martes, 16 de julio de 2013

A ENTREVISTA DE TRABALLO

Soa o teléfono; é para citarte para unha entrevista de traballo.... que nervios!!! E agora... que?” Seguro que a todas e todos nós nos pasou esta situación algunha que outra ocasión. Pois despois do “agora que?” é o momento de preparar a entrevista de traballo para que saia perfecta!
Neste artigo imos sinalar algúns aspectos que debemos ter en conta á hora de enfrontarnos a ela:
  • Preparar con anterioridade a entrevista. Cando nos chaman para citarnos para unha entrevista debemos preparar o que imos dicir; dependendo do posto de traballo, comentarémoslle as nosas fortalezas e o que lle podemos ofrecer relacionado co posto. Ademais, debemos supoñer algunhas preguntas que poida que nos fagan e ter pensadas as contestacións; en definitiva, non podemos chegar e improvisar, senón que temos que ter algunha información preparada.
  • Informarnos sobre a entidade e/ou empresa. Este punto está moi relacionado co anterior. Antes de acudir á entrevista é fundamental informarnos dos servizos que a entidade e/ou empresa ofrece á sociedade e pensar en que posto poderiamos traballar e que poderiamos ofrecerlles. Desta maneira, a persoa entrevistadora detectará que temos interese na súa entidade e que coñecemos o seu quefacer.
  • Coidar a imaxe persoal. É imprescindible acudir a unha entrevista de traballo cun bo aspecto persoal; ir aseada/o, vestida/o acorde á ocasión, sen demasiada maquillaxe,...son factores que temos que coidar cando vaiamos a unha entrevista.
  • Apagar o teléfono. É importante que antes de entrar na entrevista desconectemos o teléfono móvil, posto que dá mala impresión se, durante a entrevista, soa o teléfono. Se, por unha casualidade, non nos lembramos de apagalo e soa, debemos desconectalo o antes posible e pedir desculpas á persoa entrevistadora.
  • Puntualidade. É recomendable chegar ó lugar da entrevista cinco minutos antes para así non ter imprevistos, non chegar tarde e que a persoa entrevistadora non teña que esperar por nós; a impuntualidade é un factor moi negativo que afecta á nosa imaxe.
  • Sempre temos que levar un curriculum vitae impreso. Aínda que xa llo mandáramos pola rede ou llo entregáramos en man, é aconsellable levar unha copia; poida que estes non o teñan impreso e queiran botarlle unha ollada ou preguntarnos acerca da información que contén. Ademais, se pasou certo tempo do envío do curriculum, deixariámoslle un C.V. actualizado.
  • Ser optimista e confiar en nós mesmos. Nunca debemos ir cunha actitude pesimista a unha entrevista de traballo, xa que ese pesimismo será detectado polo entrevistador/a e afectará a nosa imaxe. Debemos ir cunha actitude positiva e pensar que o “non” xa o temos e que podemos conseguir o “si”. Ademais, temos que confiar en nós mesmos para que os demais o fagan. Neste senso, é aconsellable ir con tranquilidade e que a entrevista se desenvolva coa maior naturalidade posible.
  • Non ser pedante. Durante a entrevista non podemos ser pedantes utilizando, abusivamente, palabras técnicas. É recomendable empregar algunha palabra técnica, se o entrevistador é do noso ámbito, pero desenvolvéndonos con naturalidade. Ademais, debemos dar a coñecer o que sabemos pero dende a humildade, posto que a teoría e palabrería é moi fácil pero o importante é a práctica no posto de traballo. Así pois, debemos ir con cautela e amosar os coñecementos que temos dunha maneira moi xeral.
  • Coidar os xestos corporais. Temos que ter en conta que a maneira de sentarnos e de expresarnos xestualmente dan información adicional. Por isto, ante unha entrevista de traballo temos que ter coidado cos xestos corporais e que non dean información contraditoria á que estamos a dicir. Por exemplo, se estamos a comentar que temos moitas ganas de comezar a traballar e aprender das nosas compañeiras/os, non podemos estar sentados/as como se estivéramos no sofá das nosas casas, senón que debemos de sentarnos coa espalda recta e cun xesto de interese, motivación, ganas,...
  • Amosar entusiasmo polo traballo. Durante a entrevista debemos amosar interese polo posto de traballo e explicar o que podemos ofrecer e desenvolver nese posto. Pero...ollo! Non é recomendable ofrecer unha imaxe de desesperación nin pena!
  • Preguntar. Debemos realizarlle preguntas sobre o posto de traballo e entidade á persoa entrevistadora para que detecte que temos interese no posto e estamos motivadas/os para traballar con eles/elas.
  • Non falar mal doutras empresas, xefas/es ou compañeiras/os. Se tivemos unha mala experiencia con outras entidades ou empresas, é aconsellable que se manteñan á marxe e non se comenten na entrevista de traballo. Se a persoa entrevistadora escoita de nós palabras ofensivas cara outra empresa, esta pensará que tamén o imos facer coa súa entidade e influirá á hora da seleccción da candidata/o.
  • Sempre quedar ben ante a persoa entrevistadora. No tocante a isto, aínda que notemos que, por calquera circunstancia, non nos van coller para o posto de traballo sempre temos que quedar ben e agradecerlles a oportunidade que nos deron de poder presentarnos e deixar explicarlle a información do curriculum. Desta maneira “non cerramos portas senón que as deixamos entreabertas” para posteriores oportunidades.
  • Pensar que sempre é unha experiencia da que podemos aprender. Aínda que non nos collan para o posto de traballo, temos que pensar que unha entrevista de emprego é sempre unha oportunidade de aprendizaxe e, ó finalizala, temos que autoavaliarnos e sinalar os puntos fortes e débiles que se produciron durante o desenvolvemento desta; desta maneira, intentaremos que na seguinte non se produzan os erros que se cometeron.
  • Reformulación positiva: convertir o malo en bo. Debemos buscar o lado positivo ós nosos puntos débiles; é dicir, que se na entrevista nos comentan que non temos experiencia laboral, sinalar que estamos moi motivados por entrar no eido laboral e con moitas ganas de traballar; se un punto débil é a idade avanzada, poñer o acento na nosa madurez, responsabilidade, experiencia,... Temos que contestar positivamente ante calquera aspecto que poida que sexa unha traba para conseguir o posto.
  • Preguntas moi persoais, como actuar? Non hai unhas pautas universais para responder ás preguntas relacionadas co noso ámbito privado; cada quen sabe os seus límites e ata onde quere contar. Calquera que sexa a resposta non podemos contestar de maneira que nos sintamos ofendidas/os, senón que debemos responder de maneira educada e cordial. Temos que ter coidado con estas preguntas porque, moitas das veces, á persoa non lle interesa a información, senón o noso comportamento ante estas cuestións privadas.

Espero que estes conselliños vos axuden a afrontar mellor as entrevistas de emprego!

Recordarvos que estes artigos tamén están publicados no boletín mensual do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia onde podedes atopar máis publicacións interesante!

María P. Sande