Mostrando entradas con la etiqueta orientación laboral. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta orientación laboral. Mostrar todas las entradas

miércoles, 12 de febrero de 2014

REDE PROFESIONAL LINKEDIN


Despois de moito tempo sen publicar por falta de tempo, aquí vos deixo unha nova entrada.

Empregas linkedIn como vía para atopar oportunidades de emprego? Coñeces esta rede social? É un tipo de rede profesional que nos axuda a relacionarnos e ampliar os nosos contactos profesionais; a diferencia coas demais redes sociais, esta está destinada ó eido laboral.
Esta rede profesional é moi completa recollendo diferentes datos da nosa vida, tanto profesional como persoal.

Como facer unha conta en LinkedIn?
  • Entrar en www.linkedin.com e cubrir o formulario de alta (nome, apelidos, conta de correo-e e contrasinal); normalmente xa aparecerá a páxina en castelán. Se non é así e non te manexas ben en inglés, ten a opción de cambiar a castelán ou outros (por agora aínda non está dispoñible en galego).
  • Podemos elixir dous tipos de conta: premium ou básica. Isto é opcional, pero a premium ten un custo, polo que para empezar podemos comezar pola básica, polo menos ata familiarizarnos coa ferramenta e ver a utilidade que lle podemos dar.
Con estes dous puntos xa temos creada a nosa conta. Agora toca insertar a nosa información e comezar a usala.

Qué nos ofrece?
  • Un espazo (o noso perfil), no que publicar a información profesional que queiramos. Ademais dos apartados comúns a todos os curriculums vitaes, tamén podemos resaltar outra información interesante da nosa vida profesional, como recoñecementos e premios, certificacións, voluntariado, publicacións, proxectos,... 
  • A posibilidade de contactar e ver o perfil doutras persoas que xa coñecemos, e pedir que nos presenten a outras persoas. Teremos un aviso cada vez que alguén visite o noso perfil, e temos a opción de enviar mensaxes privadas aos nosos contactos.
  • Facer (ou recibir) recomendacións de persoas coas que teñamos compartido traballo ou formación...
  • Informarnos de ofertas de emprego.
  • Participar en grupos do noso interese profesional, o que nos dá a oportunidade de ver e compartir información específica dalgún tema, ampliar contactos...
  • Seguir a entidades ou a persoas expertas ou de prestixio no ámbito que nos interesa.
Temos que pensar que estas redes profesionais son un complemento para a nosa busca de emprego, pero non debemos dedicarnos a colgar toda a información nela e deixar de facer as tarefas planificadas. LinkedIn é unha vía máis para informarnos de oportunidades de emprego e de entidades que nos poden interesar pero debemos seguir co noso proceso de busca de emprego; non substitúe a ningunha das tarefas, senón que é unha ferramenta complementaria ás demais.

Sen máis, un cordial saúdo!
María P. Sande




martes, 22 de octubre de 2013

NETWORKING

Quen non coñeceu por un amigo/a, compañeiro/a...oportunidades de emprego? Pois, se é así, inconscientemente estamos empregando a técnica do networking para a nosa busca de emprego.

En qué consiste?

Esta técnica de busca de emprego é a que máis funciona para atopar oportunidades de traballo; consiste en informar á nosa rede de contactos da nosa situación de busca de emprego e se saben dalgunha oferta ou oportunidade de traballo que nolo comuniquen. Ademais, estes poida que informen ós seus coñecidos ampliando, desta maneira, a rede de contactos para poder coñecer máis oportunidades de emprego.
Mais é importante non descoidar ós nosos contactos, xa que esta técnica pódese considerar como recíproca; é dicir, hoxe axúdasme ti a min pero mañá poida que te teña que axudar eu a ti.
Ollo! Con esta técnica non conseguimos un traballo non merecido (“enchufe”), senón que é unha vía máis de información sobre posibilidades de emprego.

Cal é a súa utilidade?

Esta técnica é interesante porque ademais de servir para atopar oportunidades de emprego, tamén é útil para darnos a coñecer e para compartir información e coñecementos cos demais.
Así mesmo, a rede de contactos tamén é importante unha vez que consigamos unha entrevista, posto que poden dar recomendacións á persoa que nos entrevista e nos pode dar información sobre o posto de traballo e entidade ou empresa.

Quen utiliza esta técnica?

Normalmente as persoas que empregan esta técnica son xente que está buscando traballo, pero, tamén é común que as empresas a utilicen para atopar persoas, posto que é o método máis rápido e eficaz; preguntan ós seus empregados/as se coñecen a alguén que lle poida interesar o posto de emprego ofertado. Fíanse máis da xente que os demais recomendan que dunha persoa da que non teñen ningunha referencia. Moitas das ofertas de traballo non saen publicadas porque son directamente ocupadas por persoas coñecidas das traballadoras/es; estas ofertas forman o chamado “mercado oculto” posto que nunca saen á luz.

Pero...como podemos aumentar a nosa rede de contactos?
  • Acudindo a cursos, congresos, feiras de emprego,... Nestes actos relacionarémonos con persoas do noso ámbito que nos poden botar unha man no noso proceso de busca de emprego. Ademais, tamén nos podemos dar a coñecer nas feiras de emprego e nos novos eventos chamados pinkslipparty; a diferenza dos cursos e congresos, estas son xenéricas, pero poida que haxa stands de entidades e/ou empresas do noso ámbito.
  • Empregando redes sociais e profesionais.Utilizando estas novas ferramentas web tamén nos podemos dar a coñecer e relacionarnos con persoas do noso eido; ademais, co seu emprego saímos das nosas fronteiras podendo contactar con persoas doutros países e informarnos de oportunidades de emprego do exterior.
  • Participando en foros, blogs,...Este punto está moi relacionado co anterior; a través da participación nestes recursos coñeceremos a persoas que tamén nos poidan axudar durante a nosa busca de emprego informándonos de oportunidades de traballo.
  • Participando en colexios profesionais. Un factor moi importante é a participación nos colexios profesionais. A través del poderemos coñecer a variedade de xente do noso ámbito que nos poderá aconsellar e facilitar o noso proceso de busca de traballo.
  • Durante as nosas actividades de lecer. E non podemos esquecer que en calquera lugar e momento creamos relacións; nunha voda, nunha festa, na piscina,...coñecemos persoas e é unha oportunidade máis para informar de que estamos na procura de emprego e, se coñecen algunha oferta, que nos informen. Somos seres sociais e en todos os lugares atopamos persoas que nos poden facilitar a busca de emprego.

Espero que esta información vos axude un pouquiño máis! 

Un saúdo blogueir@s!

María P. Sande



miércoles, 4 de septiembre de 2013

OS CERTIFICADOS DE PROFESIONALIDADE


Nesta nova publicación, imos a tratar o tema dos Certificados de Profesionalidade. Con quérese explicar, dunha maneira sinxela, o que son, para que serven e como se poden conseguir.

  • Que son?
Os Certificados de Profesionalidade parten do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais do Instituto Nacional de Cualificacións. Son documentos que nos acreditan oficialmente que estamos cualificados para desempeñar un determinado posto de traballo. E...cando estamos cualificados? Cando adquirimos as competencias para desenvolver unha actividade laboral.
Os certificados están compostos por unidades de competencia e estas son adquiridas a través de módulos formativos. Ademais, os Certificados de Profesionalidade clasifícanse en varios niveis e, cada un ten uns determinados requisitos para o seu acceso; así mesmo tamén se clasifican en diferentes familias profesionais.

  • Para que serven?
Os Certificados de Profesionalidade proporcionan unha acreditación de cualificación profesional; aseguran que unha persoa é competente nunha actividade laboral.
Así pois facilitan a inserción laboral e a selección de persoal, posto que se unha empresa ten definidas as competencias que son necesarias para un posto será máis fácil o proceso de selección.
Ademais, ó ser módulos formativos acumulables podemos realizalos en distintos momentos; isto quere dicir, que se nun momento estamos a cursar un Certificado de Profesionalidade e, por calquera circunstancia temos que abandonalo, darannos unha acreditación dos módulos xa cursados podendo desenvolver os outros noutro momento e así obter o certificado. Este feito facilita a inserción laboral xa que, como veremos no último apartado, unha persoa pode adquirir un certificado de profesionalidade tan só adquirindo as unidades de competencia que lle falta.
Así mesmo se queremos cursar un ciclo de Formación Profesional e xa temos cursados módulos dalgún certificado de profesionalidade relacionado, estes poderán ser convalidados posto que xa temos adquiridas as unidades de competencia asociadas ós módulos; e viceversa, se temos cursado un ciclo formativo e queremos obter un certificado de profesionalidade que teña relación co ciclo, se os módulos coinciden tamén poderán ser convalidados.

  • Como os podemos conseguir?
Os Certificados de Profesionalidade podémolos conseguir a través de dúas vías:
  • A través da vía formativa
Como xa comentamos en liñas anteriores, para conseguir un Certificado de Profesionalidade por esta vía debemos cursar os módulos formativos que compoñen o certificado. Así pois, unha vez adquiridas as unidades de competencia conseguiriamos o Certificado de Profesionalide.
Estes certificados son organizados polo Servizo Público de Emprego e outros centros autorizados.
  • A través da experiencia laboral
Ademais da vía formativa, tamén podemos demostrar que temos adquiridas as competencias dun determinado Certificado de Profesionalidade a través da nosa experiencia laboral. Para a súa obtención, temos que pasar o proceso de avaliación e acreditación de competencias que convoque a Administración; desta maneira, se acreditamos ter adquiridas determinadas competencias dun certificado teremos que cursar aquelas unidades de competencia que non demostramos.
Este procedemento está composto por diferentes fases: asesoramento, avaliación e acreditación. Durante o proceso ofrécennos o plan de formación que máis se axuste ó noso perfil profesional.


Neste enlace podedes consultar máis informción sobre os Certificados de Profesionalidade: http://traballo.xunta.es/portada-certificados-de-profesionalidade


Un saúdo!!!
María P. Sande


















martes, 16 de julio de 2013

A ENTREVISTA DE TRABALLO

Soa o teléfono; é para citarte para unha entrevista de traballo.... que nervios!!! E agora... que?” Seguro que a todas e todos nós nos pasou esta situación algunha que outra ocasión. Pois despois do “agora que?” é o momento de preparar a entrevista de traballo para que saia perfecta!
Neste artigo imos sinalar algúns aspectos que debemos ter en conta á hora de enfrontarnos a ela:
  • Preparar con anterioridade a entrevista. Cando nos chaman para citarnos para unha entrevista debemos preparar o que imos dicir; dependendo do posto de traballo, comentarémoslle as nosas fortalezas e o que lle podemos ofrecer relacionado co posto. Ademais, debemos supoñer algunhas preguntas que poida que nos fagan e ter pensadas as contestacións; en definitiva, non podemos chegar e improvisar, senón que temos que ter algunha información preparada.
  • Informarnos sobre a entidade e/ou empresa. Este punto está moi relacionado co anterior. Antes de acudir á entrevista é fundamental informarnos dos servizos que a entidade e/ou empresa ofrece á sociedade e pensar en que posto poderiamos traballar e que poderiamos ofrecerlles. Desta maneira, a persoa entrevistadora detectará que temos interese na súa entidade e que coñecemos o seu quefacer.
  • Coidar a imaxe persoal. É imprescindible acudir a unha entrevista de traballo cun bo aspecto persoal; ir aseada/o, vestida/o acorde á ocasión, sen demasiada maquillaxe,...son factores que temos que coidar cando vaiamos a unha entrevista.
  • Apagar o teléfono. É importante que antes de entrar na entrevista desconectemos o teléfono móvil, posto que dá mala impresión se, durante a entrevista, soa o teléfono. Se, por unha casualidade, non nos lembramos de apagalo e soa, debemos desconectalo o antes posible e pedir desculpas á persoa entrevistadora.
  • Puntualidade. É recomendable chegar ó lugar da entrevista cinco minutos antes para así non ter imprevistos, non chegar tarde e que a persoa entrevistadora non teña que esperar por nós; a impuntualidade é un factor moi negativo que afecta á nosa imaxe.
  • Sempre temos que levar un curriculum vitae impreso. Aínda que xa llo mandáramos pola rede ou llo entregáramos en man, é aconsellable levar unha copia; poida que estes non o teñan impreso e queiran botarlle unha ollada ou preguntarnos acerca da información que contén. Ademais, se pasou certo tempo do envío do curriculum, deixariámoslle un C.V. actualizado.
  • Ser optimista e confiar en nós mesmos. Nunca debemos ir cunha actitude pesimista a unha entrevista de traballo, xa que ese pesimismo será detectado polo entrevistador/a e afectará a nosa imaxe. Debemos ir cunha actitude positiva e pensar que o “non” xa o temos e que podemos conseguir o “si”. Ademais, temos que confiar en nós mesmos para que os demais o fagan. Neste senso, é aconsellable ir con tranquilidade e que a entrevista se desenvolva coa maior naturalidade posible.
  • Non ser pedante. Durante a entrevista non podemos ser pedantes utilizando, abusivamente, palabras técnicas. É recomendable empregar algunha palabra técnica, se o entrevistador é do noso ámbito, pero desenvolvéndonos con naturalidade. Ademais, debemos dar a coñecer o que sabemos pero dende a humildade, posto que a teoría e palabrería é moi fácil pero o importante é a práctica no posto de traballo. Así pois, debemos ir con cautela e amosar os coñecementos que temos dunha maneira moi xeral.
  • Coidar os xestos corporais. Temos que ter en conta que a maneira de sentarnos e de expresarnos xestualmente dan información adicional. Por isto, ante unha entrevista de traballo temos que ter coidado cos xestos corporais e que non dean información contraditoria á que estamos a dicir. Por exemplo, se estamos a comentar que temos moitas ganas de comezar a traballar e aprender das nosas compañeiras/os, non podemos estar sentados/as como se estivéramos no sofá das nosas casas, senón que debemos de sentarnos coa espalda recta e cun xesto de interese, motivación, ganas,...
  • Amosar entusiasmo polo traballo. Durante a entrevista debemos amosar interese polo posto de traballo e explicar o que podemos ofrecer e desenvolver nese posto. Pero...ollo! Non é recomendable ofrecer unha imaxe de desesperación nin pena!
  • Preguntar. Debemos realizarlle preguntas sobre o posto de traballo e entidade á persoa entrevistadora para que detecte que temos interese no posto e estamos motivadas/os para traballar con eles/elas.
  • Non falar mal doutras empresas, xefas/es ou compañeiras/os. Se tivemos unha mala experiencia con outras entidades ou empresas, é aconsellable que se manteñan á marxe e non se comenten na entrevista de traballo. Se a persoa entrevistadora escoita de nós palabras ofensivas cara outra empresa, esta pensará que tamén o imos facer coa súa entidade e influirá á hora da seleccción da candidata/o.
  • Sempre quedar ben ante a persoa entrevistadora. No tocante a isto, aínda que notemos que, por calquera circunstancia, non nos van coller para o posto de traballo sempre temos que quedar ben e agradecerlles a oportunidade que nos deron de poder presentarnos e deixar explicarlle a información do curriculum. Desta maneira “non cerramos portas senón que as deixamos entreabertas” para posteriores oportunidades.
  • Pensar que sempre é unha experiencia da que podemos aprender. Aínda que non nos collan para o posto de traballo, temos que pensar que unha entrevista de emprego é sempre unha oportunidade de aprendizaxe e, ó finalizala, temos que autoavaliarnos e sinalar os puntos fortes e débiles que se produciron durante o desenvolvemento desta; desta maneira, intentaremos que na seguinte non se produzan os erros que se cometeron.
  • Reformulación positiva: convertir o malo en bo. Debemos buscar o lado positivo ós nosos puntos débiles; é dicir, que se na entrevista nos comentan que non temos experiencia laboral, sinalar que estamos moi motivados por entrar no eido laboral e con moitas ganas de traballar; se un punto débil é a idade avanzada, poñer o acento na nosa madurez, responsabilidade, experiencia,... Temos que contestar positivamente ante calquera aspecto que poida que sexa unha traba para conseguir o posto.
  • Preguntas moi persoais, como actuar? Non hai unhas pautas universais para responder ás preguntas relacionadas co noso ámbito privado; cada quen sabe os seus límites e ata onde quere contar. Calquera que sexa a resposta non podemos contestar de maneira que nos sintamos ofendidas/os, senón que debemos responder de maneira educada e cordial. Temos que ter coidado con estas preguntas porque, moitas das veces, á persoa non lle interesa a información, senón o noso comportamento ante estas cuestións privadas.

Espero que estes conselliños vos axuden a afrontar mellor as entrevistas de emprego!

Recordarvos que estes artigos tamén están publicados no boletín mensual do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia onde podedes atopar máis publicacións interesante!

María P. Sande