lunes, 10 de junio de 2013

CONSELLOS PARA REALIZAR UNHA CARTA DE PRESENTACIÓN


Como todas e todos sabemos, ademais do curriculum vitae tamén podemos entregar a nosa carta de presentación; esta, como o seu nome indica, preséntanos ante a persoa encargada de selección de persoal xunto co CV. Hai diferentes tipos de cartas pero as máis empregadas son a carta para responder a unha oferta de traballo e/ou para presentar a nosa autocandidatura.
A continuación, imos salientar algunhas recomendacións para a súa elaboración:
  • Adaptación á empresa a quen vai dirixida e/ou oferta de emprego
A carta de presentación, como o curriculum vitae, temos que realizala adaptándoa á entidade e/ou empresa. Ademais tamén debemos ter en conta se é unha carta para autocandidatura ou se é para responder a unha oferta de emprego. É aconsellable ter unha carta modelo e, despois, modificala en base á entidade, oferta,... Dependendo do posto de traballo engadiremos unha ou outra información. Tamén é aconsellable que vaia datada para saber cando foi entregada e, se lle volvemos a enviar outra, saber que a temos que actualizar.
  • Non dar pena nin unha imaxe de desesperación
Cando elaboremos a carta de presentación non podemos redactala de maneira que demos pena e desesperación por atopar un posto de emprego; non temos que demostrar a necesidade de emprego, senón a nosa preparación, formación, capacidades,... Temos que vendernos!
  • Que estea acorde co CV que acompaña
Como a carta de presentación se achega xunto co noso curriculum vitae, ambos documentos deben ter o mesmo formato (tipo letra, papel,...). Ademais o contido da mesma debe adaptarse ó que engadimos no curriculum para que a información dos dous documentos concorde.
  • Dar impresión de motivación, optimismo, ganas de traballar
A carta represéntanos tal como o fai tamén o curriculum; así, a través dela debemos transmitir que temos moitas ganas de traballar e motivadas para afrontar o posto de traballo. Tampouco temos que transmitir unha gran efusividade, senón que debemos demostrarlle que temos moito interese en participiar no seu grupo de profesionais.
  • Non se trata de repetir o curriculum, senón de resaltar o máis importante
Na carta non debemos repetir a información que contén o CV, senón que temos que salientar os aspectos máis salientables para cada posto de traballo; é dicir, nela debemos reflectir a información que máis relación teña co posto ou oferta de traballo. Tamén temos que lembrar que a carta só debe ocupar unha páxina, non sendo beneficioso que ocupe dúas ou máis; temos que darnos conta que a persoa encargada da selección emprega o mínimo tempo para ler curriculums e cartas de presentación, polo que estes deben ser moi concisos e breves.
  • Non se grapa xunto co curriculum vitae
Aínda que a carta de presentación se achega co curriculum, non debemos grapar os dous documentos; é recomendable entregalos de maneira conxunta nun sobre.
  • Manter a orde nos contidos da carta
Non mesturar os contidos que imos a engadir na carta. Debemos comezar pola xustificación do envío da carta e CV, despois pola formación e capacidades que sexan relevantes para o posto e, por último, despedirse cordialmente.
  • Non adxuntala cando se envía por correo-e

Se enviamos a carta de presentación por correo electrónico, o máis recomendable é que non se adxunte como se fai co curriculum, senón que a carta sexa o propio corpo da mensaxe. Así, cando o abran xa leerán a xustificación do envío do CV, sen necesidade de ter que abrir algún dos documentos axuntos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario