miércoles, 4 de septiembre de 2013

OS CERTIFICADOS DE PROFESIONALIDADE


Nesta nova publicación, imos a tratar o tema dos Certificados de Profesionalidade. Con quérese explicar, dunha maneira sinxela, o que son, para que serven e como se poden conseguir.

  • Que son?
Os Certificados de Profesionalidade parten do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais do Instituto Nacional de Cualificacións. Son documentos que nos acreditan oficialmente que estamos cualificados para desempeñar un determinado posto de traballo. E...cando estamos cualificados? Cando adquirimos as competencias para desenvolver unha actividade laboral.
Os certificados están compostos por unidades de competencia e estas son adquiridas a través de módulos formativos. Ademais, os Certificados de Profesionalidade clasifícanse en varios niveis e, cada un ten uns determinados requisitos para o seu acceso; así mesmo tamén se clasifican en diferentes familias profesionais.

  • Para que serven?
Os Certificados de Profesionalidade proporcionan unha acreditación de cualificación profesional; aseguran que unha persoa é competente nunha actividade laboral.
Así pois facilitan a inserción laboral e a selección de persoal, posto que se unha empresa ten definidas as competencias que son necesarias para un posto será máis fácil o proceso de selección.
Ademais, ó ser módulos formativos acumulables podemos realizalos en distintos momentos; isto quere dicir, que se nun momento estamos a cursar un Certificado de Profesionalidade e, por calquera circunstancia temos que abandonalo, darannos unha acreditación dos módulos xa cursados podendo desenvolver os outros noutro momento e así obter o certificado. Este feito facilita a inserción laboral xa que, como veremos no último apartado, unha persoa pode adquirir un certificado de profesionalidade tan só adquirindo as unidades de competencia que lle falta.
Así mesmo se queremos cursar un ciclo de Formación Profesional e xa temos cursados módulos dalgún certificado de profesionalidade relacionado, estes poderán ser convalidados posto que xa temos adquiridas as unidades de competencia asociadas ós módulos; e viceversa, se temos cursado un ciclo formativo e queremos obter un certificado de profesionalidade que teña relación co ciclo, se os módulos coinciden tamén poderán ser convalidados.

  • Como os podemos conseguir?
Os Certificados de Profesionalidade podémolos conseguir a través de dúas vías:
  • A través da vía formativa
Como xa comentamos en liñas anteriores, para conseguir un Certificado de Profesionalidade por esta vía debemos cursar os módulos formativos que compoñen o certificado. Así pois, unha vez adquiridas as unidades de competencia conseguiriamos o Certificado de Profesionalide.
Estes certificados son organizados polo Servizo Público de Emprego e outros centros autorizados.
  • A través da experiencia laboral
Ademais da vía formativa, tamén podemos demostrar que temos adquiridas as competencias dun determinado Certificado de Profesionalidade a través da nosa experiencia laboral. Para a súa obtención, temos que pasar o proceso de avaliación e acreditación de competencias que convoque a Administración; desta maneira, se acreditamos ter adquiridas determinadas competencias dun certificado teremos que cursar aquelas unidades de competencia que non demostramos.
Este procedemento está composto por diferentes fases: asesoramento, avaliación e acreditación. Durante o proceso ofrécennos o plan de formación que máis se axuste ó noso perfil profesional.


Neste enlace podedes consultar máis informción sobre os Certificados de Profesionalidade: http://traballo.xunta.es/portada-certificados-de-profesionalidade


Un saúdo!!!
María P. Sande


















No hay comentarios:

Publicar un comentario