martes, 22 de octubre de 2013

NETWORKING

Quen non coñeceu por un amigo/a, compañeiro/a...oportunidades de emprego? Pois, se é así, inconscientemente estamos empregando a técnica do networking para a nosa busca de emprego.

En qué consiste?

Esta técnica de busca de emprego é a que máis funciona para atopar oportunidades de traballo; consiste en informar á nosa rede de contactos da nosa situación de busca de emprego e se saben dalgunha oferta ou oportunidade de traballo que nolo comuniquen. Ademais, estes poida que informen ós seus coñecidos ampliando, desta maneira, a rede de contactos para poder coñecer máis oportunidades de emprego.
Mais é importante non descoidar ós nosos contactos, xa que esta técnica pódese considerar como recíproca; é dicir, hoxe axúdasme ti a min pero mañá poida que te teña que axudar eu a ti.
Ollo! Con esta técnica non conseguimos un traballo non merecido (“enchufe”), senón que é unha vía máis de información sobre posibilidades de emprego.

Cal é a súa utilidade?

Esta técnica é interesante porque ademais de servir para atopar oportunidades de emprego, tamén é útil para darnos a coñecer e para compartir información e coñecementos cos demais.
Así mesmo, a rede de contactos tamén é importante unha vez que consigamos unha entrevista, posto que poden dar recomendacións á persoa que nos entrevista e nos pode dar información sobre o posto de traballo e entidade ou empresa.

Quen utiliza esta técnica?

Normalmente as persoas que empregan esta técnica son xente que está buscando traballo, pero, tamén é común que as empresas a utilicen para atopar persoas, posto que é o método máis rápido e eficaz; preguntan ós seus empregados/as se coñecen a alguén que lle poida interesar o posto de emprego ofertado. Fíanse máis da xente que os demais recomendan que dunha persoa da que non teñen ningunha referencia. Moitas das ofertas de traballo non saen publicadas porque son directamente ocupadas por persoas coñecidas das traballadoras/es; estas ofertas forman o chamado “mercado oculto” posto que nunca saen á luz.

Pero...como podemos aumentar a nosa rede de contactos?
  • Acudindo a cursos, congresos, feiras de emprego,... Nestes actos relacionarémonos con persoas do noso ámbito que nos poden botar unha man no noso proceso de busca de emprego. Ademais, tamén nos podemos dar a coñecer nas feiras de emprego e nos novos eventos chamados pinkslipparty; a diferenza dos cursos e congresos, estas son xenéricas, pero poida que haxa stands de entidades e/ou empresas do noso ámbito.
  • Empregando redes sociais e profesionais.Utilizando estas novas ferramentas web tamén nos podemos dar a coñecer e relacionarnos con persoas do noso eido; ademais, co seu emprego saímos das nosas fronteiras podendo contactar con persoas doutros países e informarnos de oportunidades de emprego do exterior.
  • Participando en foros, blogs,...Este punto está moi relacionado co anterior; a través da participación nestes recursos coñeceremos a persoas que tamén nos poidan axudar durante a nosa busca de emprego informándonos de oportunidades de traballo.
  • Participando en colexios profesionais. Un factor moi importante é a participación nos colexios profesionais. A través del poderemos coñecer a variedade de xente do noso ámbito que nos poderá aconsellar e facilitar o noso proceso de busca de traballo.
  • Durante as nosas actividades de lecer. E non podemos esquecer que en calquera lugar e momento creamos relacións; nunha voda, nunha festa, na piscina,...coñecemos persoas e é unha oportunidade máis para informar de que estamos na procura de emprego e, se coñecen algunha oferta, que nos informen. Somos seres sociais e en todos os lugares atopamos persoas que nos poden facilitar a busca de emprego.

Espero que esta información vos axude un pouquiño máis! 

Un saúdo blogueir@s!

María P. Sande



No hay comentarios:

Publicar un comentario