miércoles, 27 de marzo de 2013

ETAPAS DO PROCESO DE BUSCA DE EMPREGO

Bos días!!!

Hoxe publico unha entrada na cal se recollen as fases do proceso de busca de emprego. Sabemos que este proceso require tempo, dedicación e esforzo. Entón... podemos dicir que unha persoa que busca traballo está parada, sen facer ningunha actividade? Non! Unha persoa que busca activamente emprego está facendo un traballo que é duro e constante co fin de conseguir un posto remunerado.


Pero...como organizamos o noso proceso de busca de emprego? Para empezar debemos planificar e estruturar as actividades que imos realizar. Para isto podemos elaborar un cronograma no cal vaiamos especificando as tarefas que temos que desenvolver día a día; desta maneira crearíamos unha rutina constante.


Podemos estruturar o proceso en diferentes fases; un exemplo delas son as que se establecen no cadro seguinte.



Fases
Descrición
1.º Definición do obxectivo profesional.
Para a súa definición debemos autocoñecernos e analizar os nosos puntos fortes e débiles, aínda que temos que pensar que todo se pode conseguir e mellorar. A través desta información e do posto de traballo que desexamos conseguir definimos o noso obxectivo profesional.
2.º Elaboración do curriculum vitae e memoria profesional.
Creamos un documento onde agrupar toda a nosa información profesional e capacidades persoais (formación, experiencia, competencias persoais,...). Este documento vai ser o referente para, logo, adaptalo a cada oferta ou entidade de traballo; tanto pode ser un curriculum vitae como a memoria profesional.
3.º Informarnos dos servizos que nos poden axudar no proceso e inscribirnos no Servizo Público de Emprego.
É recomendable que esteamos informadas/os dos recursos que existen na nosa contorna e que nos poidan axudar no proceso; un deles é o Servizo Público de Emprego no cal nos temos que inscribir como demandantes de emprego para que nos avisen se xorde algunha oferta.
4.º Busca de ofertas de emprego.
A busca pódese realizar a través de portais de emprego, xornais, boletíns,... Seleccionamos as que consideremos importantes e interesantes, informándonos das características das entidades.
5.º Adaptación do CV, realización de cartas de presentación e envío dos mesmos.
Unha vez seleccionadas ás ofertas, debemos adaptar o CV a estas; ademais, é recomendable a elaboración de cartas de presentación para achegalas xunto co curriculum. Procederase ó seu envío a través da canle que se especifica na oferta de emprego. Pero, se por casualidade é dunha empresa que nos queda cerca, é interesante que nos acheguemos ata ela para entregarlle o CV persoalmente.
6.º Autocandidatura.
Nos tempos que corren é difícil atopar ofertas de emprego; por iso outra opción é optar pola autocandidatura para que as empresas nos coñezan. Esta conleva diferentes pasos a desenvolver:
  1. Busca de entidades que son do noso interese e informarnos do seu servizo.
  2. Adaptar o CV ás diferentes entidades para o seu envío.
  3. Elaborar cartas de presentación para explicar a nosa autocandidatura e o que podemos ofrecer.
  4. Envío dos documentos.
Lembra! Debemos ter rexistradas todas as entidades á cal enviamos o CV, sinalando se foi por autocandidatura ou oferta, a data, os servizos que ofrecen, se contestaron e se nos citaron para unha entrevista.


Durante as fases podemos realizar o noso CV online, participar en foros, blogs,...e entrar en redes sociais profesionais xa que tamén son unha vía para informarnos sobre oportunidades de emprego. Ademais, como analizamos as nosas fortalezas e debilidades é aconsellable mellorar os punto débiles acudindo a cursos, obradoiros,... Ollo! Témonos que acordar de actualizar o CV cada vez que asistamos a algún destes.


A procura de emprego nun momento coma este no que o traballo escasea, pode producirnos gran desgaste e afectarnos emocionalmente, o que pode chegar a afectar a nosa saúde e as nosas relacións cos demais. Algo tan sinxelo como establecer un horario e levar unha axenda ou rexistro dos contactos realizados, faranos manter certa sensación do control do proceso de búsqueda, o que pode axudarnos a non obsesionarnos. Recorda que é moi importante disfrutar do noso tempo de lecer e manter o optimismo.



*Tanto esta publicación como as seguintes, que estean relacionadas coa orientación laboral, tamén son publicadas no boletín mensual que o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia elabora. O enlace para botarlle unha ollada ós boletíns é o seguinte: http://ceesg.org/publicacions/boletin
 


Un saúdo!


María P. Sande




No hay comentarios:

Publicar un comentario