lunes, 18 de marzo de 2013

TÉCNICA DE ESTUDO: MÉTODO PULSERA



Esta nova entrada está relacionada coas técnicas de estudo, xa que estes días chegáronme ó correo-e dúbidas sobre este tema e unha gran amiga e compañeira de profesión tamén anda a voltas con esta temática.

Revisando os  apuntes de psicopedagoxía e buscando pola rede atopei unha técnica bastante interesante para mellorar o estudo:  O Método PULSERA.

Este método componse de:

1.      Prelectura Urxente
Nun primeiro momento debemos ler o texto para coñecer a súa temática, ademais de visualizar os apoios que o acompaña (debuxos, esquemas,…).

2.      Lectura detida
O obxectivo desta segunda lectura é máis concreto; con ela temos que obter información clara e precisa do tema. Esta lectura ten que se atenta e comprensiva, pois hai que entender o contido do texto para realizar un resumo coas propias palabras.
Para mellorar a comprensión lectora a facilitar o desenvolvemento deste punto, podemos empregar a técnica Ogle (Táboas KWL). Despois da prelectura urxente, debemos cubrir a seguinte táboa:
Knowledge (que sei de…). Debemos escribir o que sei do tema, non abonda con pensalo!
Want (que quero saber de…). Debemos escribir o que queremos saber do tema.
L
E
C
T
U
R
A
Learned (que aprendín de…). Despois da lectura, debemos escribir a información nova que aprendemos.
Así mesmo, a través desta táboa activamos os coñecementos previos que teñamos do tema que queremos estudar.

3.      Subliñado
É preciso subliñar as palabras e/ou ideas clave do texto. En todos os textos hai contido que non é demasiado relevante; por iso debemos discriminar as ideas principais das secundarias e subliñar as máis relevantes para a comprensión profunda do texto.

4.      Esquema
O esquema é unha técnica moi persoal; o que se pretende con ela é realizar unha síntese do texto lido. Despois de diferenciar as ideas principais das secundarias, debemos organizalas e estruturalas de maneira esquemática para comprender o tema.

5.      Resumo
Despois de realizar o esquema temos que elaborar un resumo do texto; pero, ollo! Non vale con parafrasear o texto, senón que debemos realizar o resumo coas nosas propias palabras. Deste modo, darémonos conta se o texto foi comprendido ou non.

6.      Autocontrol
Despois de realizar os pasos anteriores, débense interiorizar os datos e ideas principais do tema. Este último paso non será complicado se fomos traballando os puntos anteriores con atención e concentración.

Ademais desta técnica hai que ter en conta a contorna onde estudamos; é dicir, se estudamos no escritorio debemos telo ben ordenado, sen ningún aspecto que nos poida distraer (televisión, mp3, videoxogos,…), en silencio, con boa iluminación e temperatura adecuada,…
Así mesmo, é recomendable planificar o noso tempo; non é adecuado permanecer toda a tarde diante dos libros, senón que é aconsellable que cada día se estude e así ter tempo libre. Tamén é preciso que, despois de cada hora de estudo, realicemos un descanso de 5-10 minutos.

Espero que esta técnica vos sirva de axuda para poder mellorar o voso estudo. 

Un saúdo!

María P. Sande

No hay comentarios:

Publicar un comentario